LIÑAS DE INVESTIGACIÓN
Contabilidade de Xestión e Auditoría
Contabilidade de Xestión e Auditoría como ferramentas de comunicación, goberno e control da actividade empresarial
En relación á liña de Auditoría, centrámonos concretamente na investigación e análise dos informes de auditoría de contas anuais de empresas non cotizadas, tratando de analizar na contorna española diversos obxectivos, por exemplo: 1) o mercado de auditoría das Pemes españolas, 2 ) o atraso do informe de auditoría, 3) os honorarios de auditoría e de non auditoría, 4) a opinión de auditoría e a súa relación coas características da empresa e do auditor, 5) análise de conservadurismo de auditor, 6) calidade e contido dos informes de auditoría, introducindo en varios destes obxectivos a súa análise desde unha perspectiva de xénero. Ademais, na actualidade ampliamos esta liña sobre informes a outras entidades de ámbito público por exemplo o estudo as universidades públicas.
Na área de Contabilidade de xestión, analízanse as actividades relacionadas co deseño de modelos de cálculo de custos e a eficiencia no uso da información de xestión en xeral e no sector público en particular. Nesta liña de traballo abórdase, desde moi diferentes perspectivas, que información obtida do modelo contable de xestión é adecuada para o proceso de toma de decisións en distintos niveis en organizacións do sector público. Lévase a cabo o estudo de casos de desenvolvemento do proceso de implementación e posterior utilización do modelo contable de custos/xestión en hospitais e universidades para a toma de decisións.
PERSOAL INVESTIGADOR
Mercedes Mareque Álvarez-Santullano, Beatriz González Sánchez, Ernesto López-Valeiras, Belén Fernández-Feijóo
PERSOAL COLABORADOR
Nieves Carrera Pena (IE Business School) y Jaime del Olmo Casalderrey (en formación)
Comunicación de Sustentabilidade
Comunicación de sustentabilidade e Dimensión Económica da Responsabilidade Social das empresas
Análise do fenómeno do lavado de imaxe ou greenwashing (GW) desde diferentes perspectivas. Trátase de comprender mellor o GW e analizar cales son as características que fan que as empresas sexan menos ou máis propensas a practicalo. O GW é unha construción abstracta que non se pode medir ou observar directamente. Isto significa que se poden obter diferentes resultados utilizando outros estimadores, de aí a importancia de avanzar no coñecemento deste fenómeno.
A dimensión económica da Responsabilidade Social Corporativa (RSC) non foi investigada como a responsabilidade social ou a ambiental. Nesta liña abórdase a análise en profundidade do concepto da RSC económica, de forma que se contemple como unha dimensión básica que require a súa conceptualización para delimitar o seu contido, xestionala e medila, de forma que as empresas poidan elaborar información sobre esta dimensión, para a comunicación dos impactos económicos xerados pola súa actividade empresarial.
PERSOAL INVESTIGADOR
Silvia Ruiz Blanco, Belén Fernández-Feijóo.
PERSOAL COLABORADOR
Silvia Romero Andrade
Finanzas Sostibles
Finanzas sostibles
Esta liña de investigación pon en valor o impacto ambiental e social das Finanzas e a necesidade de enlazar os criterios financeiros tradicionais (rendibilidade, risco e liquidez) con criterios de sustentabilidade ESG (Environmental, Social and Governance, en inglés. Ambiental, Social e de Gobernanza).
A súa vinculación, impulsada polo Regulamento de Divulgación de Finanzas Sostibles, afecta á toma de decisións no ámbito financeiro e á proliferación de estratexias aliñadas coa Axenda 2030 por parte dos principais axentes do mercado financeiro. Cunha clara motivación docente, aliñada co ODS 4, explórase a conveniencia de trazar fronteiras éticas máis robustas en finanzas e integralas na raíz mesma da aprendizaxe universitaria, como xerme dunha práctica financeira socialmente responsable, máis próxima ao progreso humano, á economía real e ao desenvolvemento sostible.
PERSOAL INVESTIGADOR
Sonia Rodríguez Parada
Medición da Igualdade de xénero no ámbito laboral
Igualdade de xénero no ámbito laboral como parte do ODS5 e da Responsabilidade Social Corporativa
Esta liña temática ten a súa orixe no traballo sobre a igualdade de xénero na empresa galega realizado para a Cátedra ARDÁN. O interese prioritario céntrase na medición da igualdade laboral por xénero e no deseño de indicadores clave de desempeño que permitan a calquera empresa, independentemente do seu tamaño, verificar o seu nivel de progreso, facer seguimento de obxectivos e reportar aos seus grupos de interese información non financeira relevante no logro do ODS 5. Préstase especial atención á análise de iniciativas dinamizadoras da diversidade de xénero no traballo, explorando o impacto que determinados factores poden ter no progreso empresarial.
PERSOAL INVESTIGADOR
Sonia Rodríguez Parada, Belén Fernández-Feijóo e Silvia Ruíz Blanco
Competencias Transversais para a Empregabilidade
Competencias Transversais para a Empregabilidade
Tratamos de investigar e analizar se o alumnado universitario posúe, e en que grao domina, determinadas competencias transversais necesarias para a súa futura empregabilidade, así como as accións de mellora que, desde a propia universidade e os propios docentes, poderiamos propoñer para mellorar, potenciar e ensinar estas habilidades, como, por exemplo, a creatividade, o traballo en equipo, o liderado ou as habilidades interculturais, entre outras. Tamén tratamos de relacionar se estas habilidades poden estar influenciadas por outros aspectos, tales como factores económicos, socio-culturais ou mesmo psicolóxicos como o nivel de autoestima dos estudantes. Ademais, nos nosos estudos adóitase contemplar a análise desde a perspectiva de xénero. Nesta liña, polo seu carácter disciplinario, colaboramos con investigadores doutros grupos, en particular, con Margarita Pino Juste (experta en Didáctica), Marcos Álvarez Díaz (Econometría) e Elena de Prado Creo (Linguas estranxeiras).
PERSOAL INVESTIGADOR
Mercedes Mareque Álvarez-Santullano
INVESTIGADORES COLABORADORES
Margarita Pino Juste, Elena de Prado Creo, Marcos Álvarez Diaz (Universidade de Vigo)
Fundamentos da Análise Económica: Modelos e métodos
Fundamentos da Análise Económica: Modelos e métodos
Esta liña de investigación é fundamentalmente teórica, aínda que os métodos e modelos que analizamos son utilizados para dar fundamento ás aplicacións empíricas. Estudamos a formación de prezos de mercado e prezos regulados en diferentes escenarios, o que, por exemplo, permite analizar problemas de colusión. Usamos a teoría de xogos para estudar comportamentos estratéxicos, problemas de asignación de custos ou de reparticións entre beneficiarios ou acredores. Para este tipo de problemas, desenvolvemos e publicamos (Miguel Ángel Mirás Calvo) un software propio que permite calcular solucións numéricas.
PERSOAL INVESTIGADOR
José Ángel Cid Araújo, Fidel Castro Rodríguez, Margarita Estévez Toranzo, Eduardo Luis Giménez Fernández, Carlos Hervés Beloso, Javier Hervés Estévez, Emma Moreno García, João Correia da Silva e Miguel Mirás Calvo